Thursday 02 de May de 2024

A Policía Nacional leva tramitados máis de 80.000 DNI e pasaportes dende a apertura da oficina de Carballo


O 2022 foi un ano récord, con 12.898 carnés de identidade e 3.163 pasaportes

A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional en Carballo, que ten a súa sede na planta baixa da Casa do Concello, leva tramitados 68.371 DNI e 12.513 pasaportes dende a súa apertura ao público, o 20 de marzo do 2017. En total, 80.884 documentos. A esta elevada cifra contribúen en boa medida os datos correspondentes ao 2022, que foi un ano récord con 12.898 carnés de identidade e 3.163 pasaportes.

Tras o descenso que se producira no ano 2020 como consecuencia do cese da actividade durante case dous meses, a oficina recuperou no 2021 a súa actividade habitual, cunha media de máis de 1.000 documentos ao mes. No 2022 tramitáronse 2.122 documentos máis que o ano anterior, e aínda que aumentaron tanto os DNI coma os pasaportes, foron estes últimos os que experimentaron un maior incremento (de 1.219 a 3.163) debido á progresiva desaparición das restricións para viaxar ao estranxeiro.

Máis do 30% das persoas que utilizan o servizo residen no noso concello, e máis do 60% proceden dos municipios da nosa contorna. A de Carballo é a oficina de referencia para toda a Costa da Morte, pero tamén se achegan ata ela veciños e veciñas doutros puntos da provincia e numerosos residentes no estranxeiro, fundamentalmente emigrantes da zona noutros países que aproveitan as súas vacacións en Carballo e na comarca para renovar os seus documentos de identidade.
Se precisas utilizar o servizo lembra que é preciso pedir cita previa: ben presencialmente, ben de maneira telemática dende a páxina web www.citapreviadnie.es ou ben chamando ao teléfono 060.

O horario de atención ao público da unidade de Carballo é de 09.00 a 14.30, de luns a venres. Dende o servizo lembran que para a expedición e/ou renovación da documentación é preciso achegar unha fotografía actual, e as persoas que necesiten actualizar o seu enderezo tamén deben presentar un xustificante de empadroamento.